Thursday 02 de May de 2024

Trenor participa no acto de apertura do Obradoiros de Emprego da Laracha no que se formará a 20 alumnos en conservación de montes e en carpintaria e moble


O representante do Goberno autonómico animou ás mozas e mozos a aproveitar esta formación, adaptada ás necesidades das empresas da contorna, para poder atopar un emprego
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, participou esta mañá no acto de apertura do obradoiro dual de emprego A Laracha VI que formará a 20 alumnos en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintaría e moble grazas a unha achega da Xunta de mais de 350.000 euros.
O representante do Goberno autonómico puxo en valor esta formación porque “non sería posible sen a estreita colaboración entre concellos e Xunta. A administración autonómica é a que aporta o financiamento e os concellos a organización”. “É o mellor exemplo –recalcou- do éxito cando existe unha boa colaboración entre administracións”.
Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros duais dan a opción aos alumnos a un contrato de traballo nunha empresa da zona durante un mínimo de tres meses.
O representante do Goberno autonómico destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego incluso antes de rematar a súa formación. “Por iso é tan importante que aproveitedes cada minuto deste ano de formación”, puntualizou.
O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante 9 meses e de de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”
O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte está prevista a realización de tres obradoiros dous ordinarios duais e un de garantía xuvenil. Concretamente os ordinarios celebraranse en Muxía, compartido con Camariñas e Vimianzo; e na Laracha e o de garantía xuvenil iniciouse en Vimianzo. A Xunta achega máis dun millón de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.